Dirixidas a que novas e novos investigadores destacados poidan crear os seus propios equipos de traballo e desenvolver liñas de investigación pioneiras, as bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) recibiron neste 2020 un total de 3272 candidaturas, das que só 436 acadaron o financiamento do organismo europeo. Entre elas, as presentadas polos investigadores Mario Pansera e Sara Varela, que desenvolverán na Universidade de Vigo uns proxectos que obtiveron, cada un deles, preto de 1,5 millóns de euros nesta convocatoria. Varela retornará ao seu Vigo natal para desenvolver unha liña de traballo que, a través da interacción entre clima, xeografía e vida, busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies.

Inseridas no programa Horizonte 2020 da Unión Europea, o ERC fixo pública este xoves a relación dos 436 proxectos gañadores, 23 en España, destas bolsas Starting Grant. “Son unhas axudas tremendamente competitivas, é como gañar unha medalla nas Olimpíadas”, salienta a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. “É de salientar”, engade, “o prestixioso recoñecemento” acadado por Varela e Pansera na convocatoria dunhas bolsas dirixidas a “fomentar a investigación da máis alta calidade en Europa”, que edicións anteriores, lograran o catedrático David Posada e a investigadora Elena Ojea. 

Consolidar unha traxectoria e crear un equipo de traballo

Sara Varela, actualmente investigadora no Museo de Historia Natural de Berlín. Tras licenciarse en Bioloxía na UVigo e realizar a súa tese de doutoramento no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, o seu labor investigador levouna á República Checa, Brasil e Alemaña, antes de obter con esta bolsa a oportunidade de “consolidar a miña carreira como investigadora na Universidade de Vigo”, sinala. “É unha oportunidade única para desenvolver un proxecto multidisciplinar e complexo, que necesita dun equipo grande e estable de investigadores”, salienta Varela, que, dentro do Grupo de Ecoloxía Animal, buscará reunir un equipo de “especialistas en diferentes disciplinas, desde física do clima ata paleontoloxía” para o seu proxecto Mapas (Mapping biodiversity cradles and graves), un dos 124 seleccionados na liña de Ciencias da Vida.

Clima, xeografía e evolución para predicir extincións

“Facer unha síntese do coñecemento que temos sobre bioxeografía (onde habitan as especies) e evolución (cando cambian as especies) da vida na Terra” é o propósito central do “ambicioso” proxecto que Sara Varela desenvolverá grazas a esta bolsa e que, recoñece, “abrirá novas posibilidades de traballo en Galicia en temas de palomacroecoloxía e palobioxeografía”. A idea, engade, é estudar “como interactúan o clima, a xeografía e a vida, modificándose os uns aos outros”, cun primeiro obxectivo de xerar “mapas paleoclimáticos para os últimos 540 millóns de anos, que á súa vez permita “programar un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida”. Deste xeito, o obxectivo final, sinala, “é comprobar se entendemos os procesos que xeran diversidade o suficiente para poder predicir onde e cando aparecen e desaparecen as especies” 

Para levar a cabo este proxecto, contará coa colaboración do Potsdam Climate Institute alemán e de investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica, Tamén colaborarán no proxecto a ilustradora Cirenia Arias Baldrich e o ‘paleoartista’ Douglas Henderson, o que fará posible divulgar, explica Varela, “non só os resultados da nosa investigación, senón como é o noso traballo día a día”. Nese senso, está prevista a realización dunha serie de vídeos e dunha exposición sobre a vida na Terra, “para falar do movemento dos continentes no tempo, dos eventos climáticos do pasado e das especies que habitaban o planeta en temos remotos”, na que contarán coa colaboración de Henderson.

Fonte: DUVI